Opinión

Vestir a Lúa

[Xoán Costa]

Así se coñece unha fábula de Cleobulina, a compositora de enigmas nada en Rodas no século VI a.C. Os enigmas son composicións que, desde a ambigüidade lingüística, o xogo ou a metáfora da realidade, propician o recoñecemento do mundo. De Cleobulina conservamos só catro enigmas: a ventosa, o bon ladrón, a frauta e o ano. Calquera deles pode ser lido á luz da realidade social e política da Galiza de 2024, especialmente se son combinados coa definición de enigma que propón Aristóteles: “facer combinacións imposíbeis para referir cousas que son” a través do uso de metáforas. Metáforas e combinacións imposíbeis son as mostras de proxectos altamente contaminantes postas como modelo de industria ou minaría sostíbel; ou a constante españolización lingüística e cultural sob a metáfora da liberdade.

Tamén chegou a nós unha fábula. Nela a Lúa pédelle a súa nai que lle teza un vestido á medida. A nai responde: “Como cho podo facer á medida se unhas veces te vexo chea, outras minguante, crecente outras?”. A resposta que non acha a nai da Lúa si a encontra a Administración galega á hora de vestir desexos como o de Altri e moitos outros que están aínda en fase de Lúa nova. Os devezos do capitalismo non teñen límite. Urxen criterios que nos permitan definir cales satisfacer e cales non se queremos resolver o enigma do bon ladrón.

Comentarios