Opinión

Un verán 'complicado'

[Alberte Mera]

Recoñece o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que o verán será complicado para a sanidade pública. Así o dixo onte ao ser preguntado por este xornal. Sempre o é, matizou. Como se dunha condena bíblica se tratar teremos outra vez camas fechadas nestes meses de calor -665 concretamente este verán-, vacacións e baixas de persoal sanitario sen cubrir, longas agardas en Urxencias -en boa parte perante a falta de facultativas na Atención primaria e nos Puntos de Atención Continuada- así como amoreamento de pacientes nos corredores pola falta de camas hospitalarias. Denunciaban estes días os sindicatos esperas de un día no hospital para poder ser ingresado en cama. 

Tan complicado o verán como normal, para Alfonso Rueda. Un clásico, como o de desprestixiar as protestas afirmando que están politizadas. Politizadas, si, porque que hai máis político que a sanidade pública e de calidade e garantir unha cobertura universal? Casualmente, mentres Rueda confesaba desde a Xunta que sería un verán complicado, ás portas do Parlamento concentrábanse veciñas e veciños de Corrubedo (Ribeira) co seu novo alcalde, Luís Pérez, para exixir algo tan básico como é "unha médica ou médico a tempo completo e todos os días". Está a tempo o Executivo galego de evitar outro verán de agonía para a sanidade. Defendan o público como fai a sociedade galega na rúa.

Comentarios