Opinión

Un mar de plástico

[Alberte Mera]

Atónito. Un non é capaz de procesar nunha soa xornada a cantidade de barbaridades que poden saír nunha rolda de prensa do actual Goberno galego coa crise do pellets. A crise ambiental que está a sufrir a Galiza precisa dun Executivo responsábel e operativo, que non se poña nervioso por estar en campaña electoral e que, sobre todo, non baixe ao lodo da confrontación institucional-propagandística cando estamos en plena emerxencia. Actuar é o primeiro. Se Rueda mentiu dicindo que soubo dos pellets hai días cando, polo menos, soubo o 13 de decembro ao ser informado por Concellos e gardacostas, agora tenta sacar peito diante de Pedro Sánchez, xa que el, como recoñeceu nunha entrevista recentemente, considera que nas eleccións galegas o seu adversario é Sánchez. Eleccións galegas, recorde!

Neste delirio de mentiras, desinformación, tardanza en decretar o nivel de alerta 1 e logo 2 para que o Estado envíe medios... a Xunta da Galiza pediu aínda onte ao Estado medios mariños e aéreos para actuar en mar. En terra, só pide formación. Precisamente, a vicepridenta da Xunta dixo onte que os 200 operativos que hai traballando nas praias son suficientes. 200 persoas para limpar millóns de pellets en 1.498 km de costa que ten a Galiza. Pero que barbaridade é esta que dixo a vicepresidenta do Goberno galego? Por favor, exixan medios tamén para limpar os areais, traballen con celeridade para solventar esta crise. Os nervios electorais déixenos á parte.

Comentarios