Opinión

Silencio Real

[ALBERTE MERA]

De novo, o rei emérito español Juan Carlos de Borbón desembarca na Galiza, concretamente en Sanxenxo, procedente do seu retiro dourado en Abu Dabi, coa intención xa analizada neste xornal de tentar estabelecer a súa corte no país. Volve á Galiza após os escándalos polas acusacións de suborno, lavado de cartos e de comisións, delitos fiscais... Vai embarcar no Bribón, embarcación do emérito pagada polo banqueiro venezolano José Stelling, xulgado en 1994 en Venezuela por apropiación de fondos.

O resultado dos intentos do sistema mediático, institucional e xudicial español por lavar a deteriorada imaxe da Casa Real española é, lamentabelmente, incuantificábel. O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que dirixe o tan cuestionado polo PP Tezanos, non informa desde abril de 2015 sobre a opinión cidadá sobre a realeza. Unha incógnita que non permite outra pregunta, xa que non a fai o CIS, que: Tan lamentábel e baixa debe ser a valoración popular da familia real que se evita cuestionar e informar sobre a mesma nos traballos estatísticos do ente público? 

Silencio tamén do Goberno español ao non responder sobre o custo que supoñen estas visitas privadas do emérito á Galiza nin que equipo de seguridade das forzas públicas se lle destina e cal é o gasto que supoñen para as arcas públicas. Isto é vivir a corpo de rei a custa das demais.

Comentarios