Opinión

Salvade o soldado Rueda

[María Obelleiro]

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta da Galiza e conselleira de Medio Ambiente, e mais Alfonso Vilares, conselleiro de Mar, son a cara visíbel do Goberno galego na xa coñecida como “crise dos pellets”. Nin rastro de Rueda. É, a todas luces, unha estratexia do Partido Popular para salvarlle a cara ao presidente da Xunta da Galiza a apenas unhas semanas dos comicios nos que opta a revalidar o cargo.

Todo vale para que non se fale de Rueda: que Vázquez minta e fique en evidencia nunha entrevista radiofónica como que Vilares faga o ridículo coas súas declaracións sobre o que entra e o que sae do noso corpo. O núcleo duro de Feixoo fai o posíbel por salvar o seu soldado, a quen designou a dedo tras a súa fuxida a Madrid. Feixoo é consciente de que o ayusismo espera cos coitelos afiados o resultado electoral do 18 de febreiro.

O mínimo que podería facer o presidente do Goberno galego nun contexto como o actual era acudir de forma voluntaria a dar explicacións desde a Cámara galega, mais lonxe de seguir unha política informativa transparente e respectuosa coa sociedade galega, o xefe do Executivo segue afanándose en repetir os erros de comunicación da crise do Prestige e segue evitando pór o foco na Galiza, resolver os seus problemas e defender os seus intereses. Os de Galiza, que os do PP si os defende.

Comentarios