Opinión

Rosalía, estrela que guía

[Alberte Mera]

Un novo 23 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, para celebrar a escritora fundacional das nosas letras, a escritora do pobo e das causas xustas. Vangarda no pensamento e na escrita que fai a súa obra ser actual e vixente. "Galiza, a quen ela, a pesar de tantos ataques, sempre defendeu con perseveranza como a súa patria", escribe Carlos Callón no manifesto que polo Día de Rosalía lle encomendou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que Nós Diario achega hoxe ás lectoras e lectores deste xornal no interior dun coidado caderno para conmemorar a importante data. Rosalía, manancial inesgotábel é o título do especial de 16 páxinas que atopará con este xornal. Nel podemos coñecer como Rosalía foi para as nosas antecesoras e é na actualidade fonte de inspiración, e como o seu nome bautizou teatros na Galiza e en América, rúas e prazas, como conta con esculturas na súa homenaxe, ten un aeroporto e mesmo unha estrela leva o seu nome -unha estrela que como ela nos guía-. Disto dá conta Montse Fajardo, ao igual que César Morán recolle boa mostra da musicalización dos versos da poeta con melodías que son parte xa de todas e todos nós. E o feminismo de Rosalía, presente sempre e reivindicado por unha pioneira na investigación e reparación de Rosalía como é a profesora Pilar García Negro, como recolle Carme Fernández Pérez-San Julián en Intenso e Solidario Feminismo. Viva Rosalía!

Comentarios