Opinión

Que quixo dicir Feixoo?

[María Obelleiro]

"Vox ten sentido que se presente na Galiza?". Así se expresaba recentemente Alberto Núñez Feixoo para engadir que Vox pode "prexudicar unha maioría absoluta" do PP. De feito, Feixoo emprazou o socio preferente do PP e co que o PP cogoberna ou colabora en varias comunidades autónomas españolas a non presentarse aos comicios galegos. E que se agocha detrás disto? Está claro que as enquisas que manexa o Partido Popular -que dedica inxentes fondos a contar con sondaxes que reflicten unha foto fixa do momento para reorientar a campaña- non son nada favorábeis aos seus intereses.

Resulta evidente que nas últimas semanas, e máis en concreto nos últimos días, o PP está perdendo apoios e por iso, á desesperada, chama a concentrar o voto para Alfonso Rueda, un líder cada vez máis desvalorizado, e mesmo cuestionado entre as súas filas. E tamén resulta evidente a forza que segue concentrando a alternativa ao PP, nomeadamente ao redor de quen todo parece indicar que lideraría o Goberno galego, Ana Pontón.

O desacougo é tal que Rueda tirou de chequeira da Xunta da Galiza para anunciar 4 millóns de euros en axudas para o sector do marisqueo e até outros 11 no futuro a poucos días de ter lugar a mobilización apoiada por máis de medio cento de colectivos contra a xestión do Executivo galego na crise dos pellets.

Comentarios