Opinión

Por Galiza

[Alberte Mera]

De novo, as urnas abrirán mañá para votar, nin dous meses despois das municipais do 28 de maio nin, dependendo do resultado de Núñez Feixoo este domingo, tres meses antes dunhas posíbeis eleccións galegas -outubro, novembro?-. Fica claro que Alfonso Rueda aproveitará o tirón que este domingo poida ter Feixoo ou, pola contra, evitará adiantar uns comicios nos que o PP podería repetir unha derrota -ao Parlamento galego- após unha derrota no Estado. Unha derrota que xa experimentou o PP nas municipais na Galiza, onde o vento soprou xunto a Euskal Herria e Catalunya a contracorrente do Estado español, dando as costas á ultradereita e ao ultraespañolismo e deixando o PP co Goberno dunha única cidade (Ferrol) e unha Galiza na que só 20% da poboación ten Alcaldías populares, por 60% que a ten socialista ou nacionalista.

Este domingo non se debe esquecer que as galegas e os galegos votamos quen nos representará no Congreso e no Senado, non votamos presidente. Serán as deputadas e deputados que escollamos quen no seu momento elixan a Presidencia do Estado. Sermos un pobo exixente require de pedir programa e rendemento de contas aos nosos representantes. Porque a quen escollemos o domingo ten o deber moral e ético de representar Galiza. Cóidense de quen queira o escano para si ou intereses contrarios ao país. Por Galiza.

Comentarios