Opinión

Políticas son feitos

[Alberte Mera]

Anuncios son publicidade, noutrora denominada propaganda -termo que caeu en condena-, e agora englóbanse dentro da mercadotecnia, por non irmos xa ao neuromarketing e á creación de desexos e necesidades e non á identificación das mesmas. Desexos son aquelas cuestións que anhelamos. As accións políticas responden a desexos de quen as implementa, e non sempre a necesidades, e nos últimos tempos, rara vez coinciden cos anuncios realizados. Mais as accións políticas provocan cambios apreciábeis, para ben e para mal. Quen partille estas aclaracións sobre os termos poderá hoxe, Día Mundial da Saúde, diferenciar anuncios de desexos e de accións políticas.

Anuncios, por exemplo, son mensaxes publicitarias sobre a importancia que ten a sanidade pública na axenda do Goberno galego. Accións políticas, por exemplo, son aquelas que conducen a que o Executivo de Alfonso Rueda destine á Atención Primaria 85% menos de recursos económicos dos recomendados pola Organización Mundial da Saúde ou que aposte por destinar cada vez máis recursos aos concertos con centros sanitarios de empresas privadas. A OMS di que a Primaria é a base do sistema sanitario porque identifica a tempo problemas e é onde se é capaz de previr complicacións. Neste Día Mundial da Saúde, menos anuncios, máis recursos.

Comentarios