Opinión

O persoal é político

[Alberte Mera]

Afirmou esta terza feira ante os medios de comunicación o novo director xeral da Xunta da Galiza para a Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba (novo porque este departamento é de novísima creación logo de que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, decidira “rebaixar” Igualdade de Secretaría Xeral a dúas Direccións Xerais) que non entraba a valorar o reingreso no Partido Popular do edil da Illa de Arousa condenado por violencia machista porque se debe “a unha decisión política”. Dunha declaración así cabe pór en cuestión a formación en feminismo deste responsábel da Xunta da Galiza ao enfrontar a idea fulcral do movemento feminista de que o persoal é político. Ben, o paradoxo disto está en que Alfonso Rueda a cinco días das eleccións municipais dixo que no PP non cabía este concelleiro do Salnés e a semana pasada, poucos meses despois daqueles comicios, argumentou o reingreso deste edil no seu partido porque xa pasaran 10 anos desde que fora condenado. Esta falta de coherencia no discurso do máximo representante do Goberno galego é simplemente un insulto á intelixencia das galegas e dos galegos e saca a relucir o electoralismo puro. O que en campaña é inaceptábel para o Alfonso Rueda, un ano despois é normalidade.

Comentarios