Opinión

Perda de galeguidade

[María Obelleiro]

O Consello de Ministras e Ministros aprobaba onte a fusión das compañías de telefonía Orange e Más Móvil. O Goberno estatal salientaba que a operación resultará nun xigante con 30 millóns de clientes de telefonía móbil, máis de 7,3 de clientela de banda ancha e máis de 2,2 millóns de clientes de televisión. Unhas cifras que situarán a compañía como primeiro operador de telefonía do mercado estatal.

Detrás desas cifras atópanse milleiros de galegas e galegos que, no seu día, deron a súa confianza a R, hoxe máis desgaleguizada tras ser adquirida pola vasca Euskaltel en 2015 por case 1.200 millóns de euros. Atrás quedaba a imaxe de R como un dos maiores orgullos da telecomunicación galega. O proceso non estivo exento de polémica, pois derivou nun conflito laboral debido á ameaza de deslocalización de traballos realizados por subcontratas. E non acababa aí, xa que Euskaltel acabou integrándose en Más Móvil. Advertía daquela o presidente do Comité de Empresa de R de que, na altura, traballaban para a compañía na Galiza 150 persoas, ás que se sumaban uns 1.000 empregos indirectos.

Unha mágoa que unha empresa punteira como R acabase en mans foráneas. Outro tanto aconteceu -salvando as distancias- con Fenosa, coas caixas galegas ou cos bancos galegos.

Comentarios