Opinión

O gato no tellado

[Xoán Costa]

Miguel Tellado, deputado electo pola circunscrición da Coruña nas pasadas eleizóns do 23-X, afirma que "non é unha demanda real dos españois" o uso de galego, euskera e catalán no Congreso, acudindo para xustificar tal aseveración á súa propia experiencia como senador cando puido constatar como na Cámara Alta, cuxo regulamento si o permite,  "non se usan demasiado as linguas oficiais" que vén sendo o mesmo que dicer que cando anda o gato no tellado, xeada no prado.

Por outra parte, o PSOE sempre se mostrou contrario a modificar o Regulamento do Congreso, por máis que agora, facendo da necesidade virtude diga que na nova lexislatura podería avanzarse nesta materia, para rematar concluíndo que "as linguas teñen que empregarse en calquera espazo” , iso si, advertindo  “das dificultades que despois ten a súa aplicación práctica".

Sabemos ben que esas dificultades son ideolóxicas. E tamén sabemos que utilizar o galego no Congreso non significa ningún avance substancial no proceso de normalización do galego na Galiza aínda que si sería o recoñecemento legal dunha realidade.

E de leis e de normas que impiden ás persoas que habitan na Galiza aprender o galego sabe moito o señor Tellado,  e moito máis o señor Feixoo. Desde os decretos que penalizan o galego no ensino ás axudas á prensa que deixan fóra Nós Diario.

Comentarios