Opinión

De monxas touquinegras

[María Obelleiro]

Tamén a través destas liñas é necesario louvar o traballo de Carme Varela e de Carolina Casal á hora de dar a coñecer a revolta das abadesas galegas contra Castela a finais do século XV e primeiros do XVI e agradecer que contribuísen a difundir un capítulo da historia tan descoñecido. Estamos a un día do 8 de marzo e, tal e como facemos noutras áreas ao longo de todo o ano, impugnamos a masculinización do relato histórico, que deixa as mulleres relegadas nun segundo plano, que as silencia e que as cuestiona como suxeitos activos.

A pesar dos avances que se deron nos últimos anos, aínda fica moito para que os estudosos adopten a perspectiva de xénero á hora de investigar a historia -dicíao a propia Carolina Casal, medievalista, nunha entrevista concedida a este medio-. E tamén fica moito para que a visión galega da historia ocupe o espazo que lle corresponde fronte á historiografía oficial españolista que foi imposta e que abunda nas universidades.

As abadesas, pola súa condición de mulleres e de galegas, sufriron unha dupla discriminación e o libro Prófugas e apóstatas. As monxas touquinegras da Galiza, da autoría de Carme e Carolina e co que Nós Diario agasallou as lectoras e lectores no marco das ‘Biografías Esenciais do Reino de Galiza’, contribuíu a sacalas do ostracismo e a reivindicar a súa loita.

Comentarios