Opinión

Monocultivo para todo

[Alberte Mera]

H ai certas obsesións no Goberno galego polo monocultivo en moitos planos do día a día. O primeiro, e ben sabido, na plantación de eucalipto, fomentando esta árbore para o interese das pasteiras e afastándose cada día máis dun monte produtivo, diverso e multifuncional. Cómpre prestar atención a especialistas nesta materia, como o profesor Rubén Lois, que hoxe, na entrevista concedida a este xornal, ilustra esta problemática sinalando como "o turismo rural é unha ficción, debe existir pero ten sentido se hai rural, se ves uns prados, vacas ou unha hortas e non unha selva de eucaliptos".

Outro monocultivo: os eólicos. O Tribunal de Xustiza da Galiza (TSXG) paralizou cautelarmente os parques Campelo, Bustelo e Monte Toural que afectan Carballo, Coristanco e Santa Comba, sendo o primeiro deles anulado definitivamente segundo transcendeu este mes de xuño -pendente, iso si, do recurso que a Xunta poida presentar no Supremo-. Chegou onte de novo outro varapau á Xunta, coa resolución do TSXG que paraliza cautelarmente a explotación da mina de feldespato de Muras, polos danos irreparábeis que produciría na contorna.

E son tamén de monocultivos no musical, cun grande evento como O Son do Camiño onde só 3 dos 50 grupos que tocan fan música en galego e só 32% teñen presenza feminina. Sen diversidade o país é gris.

Comentarios