Opinión

Menos gastar na OTAN e máis en mulleres

[María Obelleiro]

O presunto asasino da muller de 25 anos de Ribeira estivo baixo o control do sistema VioXen debido ás denuncias presentadas contra el por unha anterior parella. Mais o seu caso ficou "inactivo" debido ao "paso do tempo". Dos 2.087 rexistros a día de hoxe, 1.070 están "inactivos" e 1.017 activos, baixo seguimento policial.

Por outra parte, o presunto asasino das fillas de 2 e 4 anos de Almería, caso que se investiga como violencia vicaria, tamén constaba no VioXen por denuncias previas de violencia de xénero. Sobre el pesaba, ademais, unha orde de afastamento vixente. Despois deste asasinato decorrido o domingo, o ministro do Interior admitiu que VioXen é "mellorábel", mais debería cualificarse de "ineficaz" á vista do acontecido esta semana.

Facer fronte á violencia de xénero, que ten as súas raíces no patriarcado, é complexo, complexísimo, mais cómpre comezar por situar a loita contra o machismo como prioridade. Mentres non se adopte unha política valente, as mulleres seguirán engrosando as estatísticas do feminicidio. Fica claro que o sistema é ineficiente e insuficiente. Sería un bo comezo derivar as partidas obscenas do gasto militar -duplicouse en 20 anos- dedicadas a satisfacer os intereses da OTAN a fomentar a igualdade e a combater o machismo. Váisenos a vida en máis recursos e máis políticas valentes -non militares, senón sociais-.

Comentarios