Opinión

Máscaras e recreo

[María Obelleiro]

Máscaras no exterior fóra, mais xa non tanto. O Goberno de Feixoo erixíase hai unha semana no principal valedor da retirada da obrigatoriedade de levar a máscara en espazos ao aire libre, mais unha vez que a medida foi aprobada onte polo Consello de Ministras e Ministros comezaron as reticencias. O albo: os patios dos colexios, lugares en que, segundo anunciaba a ministra, as máscaras deixaban de ser obrigatorias. Desde San Caetano enseguida chegou a confusión. O conselleiro referiuse, en declaracións aos medios, á reunión do Consello Interterritorial que decorreu na segunda feira e asegurou que alí "non se falou nada" do tema. Isto levouno a dicir que a Galiza continuaría "cumprindo co protocolo". A confusión tamén foi alimentada polo propio Feixoo, quen, a través das redes sociais, emprazaba o Executivo español a "aclarar ben cando debe manterse a máscara".

Máis unha vez, Feixoo xoga a facer oposición a Sánchez e as medidas que nun principio defendía días despois xa non son tan boas. Esta semana o presidente da Xunta volveu propor reducir o illamento das persoas contaxiadas, se non teñen síntomas, a cinco días. Se o Ministerio acepta a iniciativa do Goberno galego, non tardará en criticalo. O caso é rosmar. E criticar. Moito.

Comentarios