Opinión

Labregas en pé

[Alberte Mera]

"Mil tractores baixan do monte, arde o ferro, Galiza tomada pola tractorada, non pasarán", cantaba Rastreros. As loitas labregas da Galiza están gravadas nunha terra espoliada polo Mercado Común Europeo (“ruína do pobo galego”, dicían as Comisións Labregas) ou as cotas lácteas impostas pola UE. A Terra sabe a loita, de Emilio López, 'Milucho', histórico loitador contra as inxustizas, dá conta das mil batallas da Galiza contra as ordes de Madrid e Bruxelas que buscaron mazar en quen máis traballa e menos ten.

Os tractores saíron onte ás rúas da Galiza clamando por unha transición enerxética xusta que non se basee en arruinar os sectores produtivos, para que a necesaria loita contra o cambio climático non se converta nun negocio para as macroempresas co greenwashing a custa das labregas. Contra unha PAC que espreme as pequenas granxas sostíbeis e contra as políticas da Xunta e da UE que benefician as granxas intensivas, as máis contaminantes.

Ante unhas protestas agrarias en moitas parte da UE que encabeza a ultradereita logo de que a esquerda europea claudicara e abandonara os labregos, excepción na Galiza: orgullo de tractorada en clave social e de país apoiada como se viu onte por un movemento político nacional-popular que non claudicou.

Comentarios