Opinión

Incomprensíbel

[Alberte Mera]

O conselleiro de Facenda presentou esta semana nun centro de ensino o ‘Orzamento cidadán’, un documento cuxo obxectivo é facer comprensíbeis para a cidadanía as contas da Xunta de 2023 aprobadas no Parlamento, tamén esta semana, cos únicos votos do PP, após aceptaren incluír só tres das 1.400 emendas propostas pola oposición.

Primeiro, este método non é un bo exemplo para o alumnado do instituto do que debería ser a política parlamentaria: pór o país por diante implica chegar a acordos entre diferentes.

Segundo, fará falla moita mercadotecnia para “facer comprensíbel” á cidadanía por que os orzamentos poñen punto e final a axudas sociais indispensábeis como a Tarxeta Básica -axuda económica para familias vulnerábeis comprar alimentos e produtos de hixiene básicos- nestes momentos en que o cesto da compra encareceu 15%.

Terceiro, tamén é difícil "facer comprensíbel" por que os orzamentos buscan beneficiar as grandes fortunas en materia de impostos e por que a Xunta deixará de recadar 34 millóns de euros por incluír bonificacións de impostos a 7.646 ricos, ademais da rebaixa de impostos aos bingos.

Cuarto, por que as partidas da Xunta caen 2.000 millóns de euros en comparación coas de 2009 atendendo á evolución do IPC. Traballo duro de mercadotecnia tiveron que facer as persoas ás que se lles encargou este ‘Orzamento cidadán’.

Comentarios