Opinión

Galiza, pobo con dignidade

[Alberte Mera]

Era 1 de decembro de 2002 e o chapapote estendíase pola costa galega ao igual que as mentiras de quen naquela altura comandaban os Gobernos español e galego. Fronte á crise ambiental e política do Prestige milleiros de persoas anegaron Compostela de dignidade, berrando contra a manipulación a desinformación e clamando por actuacións que protexesen o medio. A bandeira azul e negra representaba o loito dunha Galiza outra vez machacada mais, foi o pobo en todos os seus sectores que alzou a voz para saír do chapapote. O Parlamento vota hoxe a declaración daquel día, que significou a resposta social máis forte e masiva dos últimos tempos, como o Día da Dignidade. Unha iniciativa levada polo BNG á Cámara e que o PSdeG anunciou onte que votará a favor. Porén, o PP non gosta de recoñecer erros. Nin os de onte nin os de hoxe. Non o fai co cartel machista da Xunta sobre o 25-N deste ano. E tampouco rectifica pola súa actuación en 2002 coa crise do Prestige. Lonxe de apoiar a declaración do Día da Dignidade, onte, na Cámara, Pazos Couñao (PP) referíronse a Nunca Mías e aquel 1 de decembro así: "Unha manifestación excluínte, manipulando a dor dun pobo e con mentiras", "poden celebrar o día da esquerda transparente conmemorando a supresión do delito de sedición", "aos galegos gústanos celebrar as datas importantes. Por exemplo, o día da Constitución".

Comentarios