Opinión

Galiza decide

[Alberte Mera]

En dúas semanas abrirán 2.350 colexios electorais para que 2.688.623 galegas e galegos poidan exercer o seu dereito ao voto en 3.960 mesas electorais. Voltaremos, após o 28-M, a escoller as nosas e os nosos representantes, desta vez no Congreso e no Senado. Con motivo desta campaña electoral -que se prevé non menos tensa e axitada que a precampaña- Nós Diario achega ás lectoras e lectores informacións de actualidade das distintas formacións políticas, analizando as súas propostas e programas, así como acontecementos e informacións sociopolíticas para que vostede teña ao seu alcance todas as claves. Radiografías e análises de situación, como a que hoxe acompaña este xornal sobre a perda de escanos na Galiza nos últimos anos ou sobre como a lei electoral penaliza Galiza, veranse acompañadas de entrevistas ás e aos candidatos ao Congreso e Senado do PP, BNG, PSdeG e Sumar, así como de debates aos sábados como o que hoxe atopará nestas páxinas sobre a funcionalidade do Senado tal e como se rexe e escolle na actualidade.

A Galiza decidirá en só dúas semanas quen serán as deputadas e deputados que a deberán representar en Madrid. Sería bo que os partidos e candidatos non esquezan que se deben ao programa e ao pobo que os escolleu. Para facer política ou carreira madrileña, as cidadás e cidadáns da provincia de Madrid teñen xa o seu propio Parlamento.

Comentarios