Opinión

Final sen emenda

[Alberte Mera] 

Era marzo de 2020 e a Organización Mundial da Saúde declaraba como pandemia da Covid-19. Onte, 4 de xullo de 2023, o Goberno estatal declaraba a fin da crise sanitaria pola Covid-19. No transcurso destes anos, na Galiza foron comunicados polo Sergas 4.202 falecementos con coronavirus e 703.448 contaxios. As residencias privadas na Galiza rexistraron máis de 90% das mortes con Covid en xeriátricos nos primeiros nove meses da pandemia, principalmente as pertencentes a DomusVi, contrastando coas baixas cifras de decesos nas residencias públicas. Foron moitas as informacións que achegou este xornal con datos e testemuños da falta de medios, recursos e da precariedade laboral á que profesionais dos coidados e da dependencia tiveron que facer fronte en centros xeriátricos privados para poder coidar das persoas maiores, nun sistema cada vez máis privatizado onde os coidados pasaron a ser negocio.  

Tres anos despois, o Goberno galego, daquela presidio por Núñez Feixoo e hoxe por Alfonso Rueda, non aprendeu a lección. Como esta semana informou Nós Diario, tan só 20% das residencias de maiores na Galiza son públicas e tan só 40% dos centros de día. Son datos oficiais do Consello Económico e Social. Abran ventás e ouvidos e San Caetano, non pode ser que un pasado tan duro e recente non implique nin a máis mínima emenda.

Comentarios