Opinión

Feixoo con Vox contra o galego

[Alberte Mera]

Penso en Alberto Núñez Feixoo e imaxino un equilibrista camiñando por un fino fío e ao borde de caer. Así, uns días quere negociar con uns de cara á investidura e outros días non, dependendo dos reproches. Pode un día dicir que se pode falar con Junts ou con Sánchez, para o seguinte dicir que non. Mais si hai unha confesión inquebrantábel para Feixoo, alén da corda pola que estea a camiñar: o veto ao galego.

Chegou á Xunta da Galiza ondeando a falacia da imposición do galego para impor, el si, o castelán na escola a base de prohibir como non se fixera na Galiza desde o franquismo a impartición de materias en galego.

E agora, que partidos de moi distintas ideoloxías e territorios, nacionalistas e non nacionalistas, firman xuntos unha proposta -froito das negociacións entre o PSOE e os nacionalismos para conformar a Mesa do Congreso e avanzar nunha investidura- para permitir o uso do galego, euskera e catalán no Congreso do Estado, o PP non só se desmarca senón que carga contra a lingua galega. Feixoo recupera o seu discurso de 2009 e volve así escoller con quen posicionarse: con Vox, o ultraespañolismo, a ultradereita. 

Estas cuestións, alén da indignación como galego que me provocan, dan moita mágoa, porque como humano, levan a preguntarse canto autoodio padece Feixoo, para que un galego que tivo a responsabilidade de ser o presidente deste país, sexa quen abandeire o discurso contra o lingua.

Comentarios