Opinión

Facer cómplice

[Alberte Mera]

As últimas horas da campaña electoral están a ser complicadas para Feixoo. Após ser "cazado" en directo polas mentiras -en relación coa suba das pensións-, os nomes das súas "amizades perigosas" saltan ao debate político. Hoxe Nós Diario repasa as ligazóns de Feixoo co narco Marcial Dorado, com Lozoya, directivo da mexicana Pemex, ambos actualmente en prisión, ou cos grandes poderes das enerxéticas e construtoras no Estado español.

Mais o líder do PP estatal opta por querer facernos cómplices afirmando que cando ía no iate ou almorzaba con Marcial Dorado, cando partillaban tanta intimidade, el non sabía que este era un narco, descoñecía a que se dedicaba, porque daquela non había Google ou Internet. Unha afirmación de tal calibre é unha ofensa para a intelixencias do electorado, que a pesar de Internet xa levar décadas connosco, recordamos que antes da súa popularización había un sistema de medios de comunicación máis potente mesmo que o de agora a través de prensa, revistas, radio e televisión.

Tratarnos de parvos non creo que sexa unha boa estratexia electoral. Non comparecer nos debates tampouco. Renunciara Feixoo a liderar o PP após Mariano Raxoi por medo a estas polémicas? Foi por iso que a Xunta regou os medios españois con axudas públicas antes de Feixoo chegar a Xénova?

Comentarios