Opinión

Explicacións, señor presidente

Unha carta da directora dunha residencia de DomusVi a familiares de persoas usuarias indica que a Xunta tardou catro días en autorizar o ingreso no hospital a residentes do centro de anciás contaxiadas pola COVID-19. Unha afirmación deste calado obriga os máximos responsábeis do Goberno galego a dar respostas. Non vale escudarse en 'mando único'. O Goberno galego tiña competencias en materia de residencias e en materia de sanidade. Que durante varios días non permitise a hospitalización de maiores infectados formula moitas preguntas que merecen resposta.

Ademais, asociacións de familiares de usuarias de residencias preguntan por que non se hospitalizaron nas UCI que non estaban ocupadas residentes contaxiadas e que acabarían falecendo neses centros. Foron, até o de agora, 132 falecementos. Ambas as dúas cuestións impugnan o relato do Goberno da Xunta e de Núñez Feixoo de que a xestión do 'coronavirus' nas residencias foi pouco menos que un éxito, un relato amplificado mediaticamente e que debería pasar a proba do algodón: respostas e explicacións, por favor, señor presidente.

Comentarios