Opinión

Existe un problema lingüístico?

[María Obelleiro]

Si, na Galiza existe un problema lingüístico. Un problema lingüístico que é de carácter político e que leva a que se nos negue o dereito a vivir en galego, a que se perdan falantes no idioma propio e a que entidades de carácter ultraespañolista teñan vía libre para faceren apoloxía do odio e para apelaren a incumprir a lexislación vixente. Existe un problema lingüístico, gordo, aínda que nos últimos tempos ficara nunha marxe da axenda política. Non hai máis que ser conscientes da imposibilidade práctica de empregar con normalidade o idioma propio na meirande parte dos ámbitos.

Así, na xustiza, só 1% das sentenzas están en galego; mesma porcentaxe de xoguetes dispoñíbeis en galego. A nivel comunicativo, témolo advertido: un só diario en papel, tres dixitais de ámbito nacional e unha canle de televisión e outra radiofónica en galego. O resto, en castelán, viven en gran medida da inxente cantidade de diñeiro público que reciben (ao contrario dos medios privados que comunican en galego). Na educación infantil, o galego é lingua maioritaria, que non a única, en só 5% de escolas dos concellos de máis de 50.000 habitantes, e continúa prohibido nas Matemáticas, na Física e na Tecnoloxía, así como ausente nos libros dixitais.

E o Goberno do PP, en lugar de contribuír a reverter estas cifras, agrávaas coas súas políticas contrarias a todo o que teña a ver con galeguizar a sociedade.

Comentarios