Opinión

Encrobas

[Alberte Mera]

'Onde a loita se chama Encrobas' soaba naquel disco de Xenreira do que pasaron moitos anos e que marcou varias xeracións de galegas e galegos conscientes de selo. Máis tempo pasou da loita na década dos 70 que Xenreira, ao igual que Fuxan os Ventos previamente, inmortalizou nos seus temas.

Foi aquela unha das primeiras mobilizacións do movemento labrego, neste caso contra a explotación do país e a destrución dunhas 40 aldeas e centos de vivendas e de terras de labregas e labregos para beneficio do oligopolio enerxético cunha aprobación de expropiación forzosa firmada por Franco pouco antes de morrer. Encrobas, agora en 2023, é o nome do parque eólico que vén de ser autorizado ambientalmente pola Xunta e que quere erguer Naturgy, que explota recursos da Galiza repercutindo no territorio e na calidade da veciñanza ao tempo que paga os seus impostos non na Galiza senón en Madrid.

Catro aeroxeradores de até 145 metros de altura a instalar na reserva da biosfera das Mariñas-Terras do Mandeo. De novo, como nos 70, o gran poder económico en conivencia cos poderes do Estado e agora tamén da Xunta poñen a disposición para o lucro das grandes empresas os recursos e o territorio da periferia -Galiza, excedentaria de enerxía eólica, non goza de compensacións por ser produtora- para beneficio do centro, Madrid -é a grande importadora de enerxía e non ten eólicos no seu territorio-.

Comentarios