Opinión

Editorial: Emerxencia!

[María Obelleiro]

En vehículos eléctricos ou híbridos. Así transportan dentro de Davos os mandatarios do capitalismo actual, que estes días se reúnen na localidade suíza. Porén, os máis deles desprazáronse en contaminantes jets privados. Impórtalles o cambio climático? De aí o xesto do transporte “ecolóxico”? O que preocupa realmente non é a situación de emerxencia climática mundial nin o futuro que vén. Móveos a necesidade de garantir o devir do capitalismo, aínda que lle poñan o disfrace de “verde”.

É en Davos onde o sistema depredador se amosa cada ano con todo o seu poderío e é Davos quen xustifica o informe de Oxfam que confirma, unha e outra vez, que os ricos son cada vez máis ricos e os pobres, máis pobres. É obvio que nun mundo máis desigual os grandes popes do capitalismo se esforzan en garantir a continuidade dun modelo, de por si salvaxe, que asegura os seus privilexios, aínda que sexa por conta da meirande parte da poboación. O centro debe estar nas persoas e no planeta, nunha economía socialmente xusta e sustentábel tamén no ecolóxico.

Comentarios