Opinión

E o Senado?

[Alberte Mera]

A papeleta salmón, na que riscar as candidatas e candidatos das formacións políticas, tamén existe. É unha Cámara que o bipartidismo clásico ten empregado a "modo de xubilación" para ex ministros e presidentes autonómicos -recordemos Manuel Fraga como se enfadou no Senado cando o representante do BNG en 2010 levou unha proposta en defensa do uso do galego- e tamén para suspender o autogoberno de Catalunya.

Nós Diario achega hoxe entrevistas ás candidatas e candidatos número un ao Senado por Lugo do PP, BNG, PSdeG e Sumar, por que aínda que a Cámara Alta a día de hoxe pasa desapercibida no debate público, seguramente polo seu falido modelo e ineficacia debido ao modelo de elección -non é unha verdadeira cámara territorial-, segue a ser representación da vontade popular galega en canto é electa -en parte- polo pobo galego.

Un pobo que é exixente e, por tanto, é obriga deste medio, comprometido cos intereses da Galiza, dar a coñecer ás lectoras e lectores tanto as persoas que se candidatan como as súas propostas. Mais tamén para que as formacións políticas sexan conscientes de que non deben nin é de recibo empregar os escanos galegos para beneficio ou lanzadeira propia en lugar de representar Galiza. A designación de Núñez Feixoo como senador por representación da Galiza sen levar a cabo ningunha proposta para a Galiza, só por fins electorais españois, foi ofensivo e ineficaz.

Comentarios