Opinión

Democracia?

[Alberte Mera]

A exposición de programas electorais, coñecermos a configuración ideolóxica dos prismas a través dos que cada formación política analiza a realidade e formula alternativas, o confronto de ideas e a pluralidade de estratexias son piares da democracia. A limitación dos debates das eleccións estatais do 23 de xullo a tan só un pola Corporación Radio e Televisión da Galiza -emitido onte en horario de tan baixa audiencia como é o dunha sexta feira ás 10 da mañá e de tan só unha hora de duración- é unha oportunidade perdida para a democracia, máxime nunhas eleccións que visan ser tan decisivas como estas. A función dun servizo público de información debera ser precisamente o fomento do debate político. A que responde esta limitación tan bruta do debate? Que medo hai? Que instrucións hai e de onde emanan? Non sería o lóxico -dentro da ilóxica separación da Galiza en catro circunscricións electorais artificiosas- que houbese, como mínimo, un debate coas cabezas de lista de cada circunscrición? As condicións do "xogo" político nunha campaña deberan ser iguais para todas as formacións, alén do capital económico que as impulse ou os recursos propios que teñan. E aí, nos debates en igualdade de condicións, é onde o que vale non é o marketing ou quen ten o cartel máis grande, senón quen defende mellor os intereses do pobo. Mais a CRTVG optou de novo por reducir e limitar a democracia. Mágoa.
 

Comentarios