Opinión

Democracia e dogma

[Xoán Costa]

Moito se nos ten insistido na modernidade da democracia reinante no Estado Español mais esta semana que agora finaliza, atravesada por dúas efemérides simbolicamente contrarias, de carácter civil unha –a do día seis- e relixiosa a outra –a do día oito-  mostran ben ás claras cal é a estrutura de poder derivada da primeira das celebracións.

Durante décadas, o Estado vén celebrando santas, santos, virxes, mártires e verdades proclamadas pola Igrexa Católica –só por ela-  á marxe de todo raciocinio, que non outra cousa é un dogma relixioso. Vista así, a modernidade xa non parece tanta. E se aínda por enriba os poderes públicos se consagran á celebración dogmática, como é o caso da Arma de Infantería, parece evidente que o Estado non favorece o pluralismo ideolóxico consagrado na citada Constitución.

Por iso a pregunta. Deben as institucións do Estado, sexan de carácter militar, xudicial ou de outro tipo, celebrar as crenzas particulares de cada quen con cargo aos orzamentos xerais do Estado? Evidentemente, non.

Comentarios