Opinión

Cronoloxía de Rueda

[Xoán Costa]

2009, Febreiro. Galiza vive unha terríbel ditadura lingüística. A imposición chega a todos os currunchos, o galego infecta todas as cordas vocais e o monolingüismo parece non ter límites. Galicia Bilingüe convoca unha manifestación en Compostela contra tanta imposición, facendo especial fincapé na crítica a un decreto que “coarta as liberdades”. Rueda, secretario xeral do PPdeG e xefe de campaña de Feixoo para as eleizóns convocadas para o día 1 de marzo, encabeza a comitiva do PP, que gaña as eleizóns. Feixoo é presidente e Rueda conselleiro.  Aínda deberá agardar a 2012 para ser vicepresidente mais, nese momento, xa o Decreto de Plurilingüismo permite albiscar o fin da ditadura.

2022, maio. Feixoo foxe a Madrid. Rueda é presidente en virtude dun pacto sucesorio. Leva por bandeira aquela foto de febreiro de 2009 e a leria de que “en liberdade todo é posíbel mais o que non pode ser é impor unha lingua”. Móstrase contrario ao uso do galego no Congreso.

2023, decembro. Rueda convoca eleizóns para que Galiza siga sendo como é.

2024, xaneiro. Galiza é un territorio controlado pola depredación mineira e enerxética e a xestión da crise dos pellets fai evidente canto interesa Galiza a Rueda: é o km cero da ruta entre Xénova, 13 e a Moncloa. Só iso. Claro que, o 18-F hai outros camiños. De nós depende deixar de ser km cero.

Comentarios