Opinión

Cravos e revolución

[Alberte Mera]

A Galiza acolleu onte diversos actos de conmemoración da Revolución dos Cravos que as irmás e irmáns de Portugal levaron a cabo en 1974 contra a ditadura. Unha revolución do país veciño que serviu para dar alento á loita antifranquista na Galiza e que converteu a outra beira do Miño en refuxio para militantes en defensa da Galiza e das liberdades que tiveron que fuxir a Portugal porque nese "moderno e avanzado" tardofranquismo que nos venden encarcerábase, torturábase e asasinábase, como fixo a policía franquista máis dun ano despois da revolución dos Cravos en Ferrol con Moncho Reboiras, que tan só tiña 25 anos cando morreu desangrado polas balas recibidas da policía nas súas costas debido á súa militancia nacionalista. E precisamente, volvermos a Reboiras fai non só manter a memoria da Galiza viva, senón denunciar a día de hoxe a pervivencia dunha armazón xurídica, legal e institucional que, como vimos nestas semanas, mesmo veta investigar o asasinato de Reboiras. E por que esta inxustiza coa familia Reboiras? Porque indo á raíz dos problemas, atopamos que no Estado español, a diferenza de en Portugal, non houbo revolución nin ruptura coa ditadura fascista, senón unha transición que blindou o xenocidio acometido polo bando de Franco na Galiza desde 1936. Xustiza, reparación e revolución, após 1974, a loita pola democracia que Portugal inspirou segue hoxe a ser precisa.

Comentarios