Opinión

Conta atrás

[Alberte Mera]

É cuestión de horas que as urnas dean a coñecer os nomes das 3.721 concelleiras e concelleiros que conformarán as corporacións municipais da Galiza. Todo está aberto e só do pobo galego depende o resultado. Rematou unha campaña na que Nós Diario informou da política con letras maiúsculas, lonxe do ruído e das distorsións da realidade coas que intereses económicos adoitan querer influír en campaña.

Co compromiso que caracteriza este xornal, ao servizo dos intereses galegos, despregouse unha cobertura especial das eleccións municipais cun seguimento diario para achegar á sociedade galega as propostas programáticas das distintas formacións políticas para os vindeiros catro anos. Acreditando nunha Galiza plural e diversa, púxose ao seu dispor unha radiografía socioeconómica dos concellos e comarcas en que o país se estrutura, ademais de debates, datos e chaves para entender Galiza no seu tempo; así como entrevistas a alcaldábeis e líderes de distintas formacións políticas, achegando as distintas propostas para que vostede teña a información e, en base a ela, poida elaborar as súas propias conclusións.

Aliás, Nós Diario ten preparada para este domingo unha cobertura especial con seguimento do escrutinio en tempo real, gráficos, pactómetro e as primeiras reaccións das formacións políticas. O noso compromiso coa información non remata aquí, seguiremos o 29 e os 365 días do ano.

Comentarios