Opinión

As chaves do 18-F, en 'Nós Diario'

[Alberte Mera]

Queda exactamente un mes para que as galegas e os galegos votemos nas eleccións ao Parlamento da Galiza máis abertas dos últimos tempos, cun PP que as enquisas coinciden en situar nunha tendencia á baixa e que busca salvar pola mínima unha maioría absoluta non asegurada; e cun BNG e PSdeG que optan a liderar un cambio de Goberno na Xunta da Galiza; mentres que Sumar, Podemos e DO aspiran a obter escano. Futuro aberto, datos e informacións precisas. Eis o compromiso deste medio.

Por iso, desde hoxe e até o 18-F Nós Diario, tanto na edición en papel como en dixital, ofrecerá unha cobertura especial da precampaña e campaña con reportaxes, noticias de actualidade, análise, entrevistas a candidatos, debates, artigos de opinión... Ademais, e por primeira vez, poremos a disposición das lectoras e lectores un amplo e rigoroso estudo demoscópico sobre as eleccións do 18-F, realizado polo prestixioso Instituto EM-Analytics para Nós Diario.

Así, no xornal deste sábado poderá consultar a primeira entrega do barómetro electoral, cunha mostraxe de 1.400 cuestionarios repartidos de forma proporcional ao longo do país. A segunda edición do barómetro será o sábado 27, e do 1 ao 12 de febreiro Nós Diario publicará un tracking electoral diario. E, por suposto, o 18-F haberá unha cobertura especial da xornada e dos resultados en directo. Cara ao 18-F.

Comentarios