Opinión

Celebrarmos Galiza

[Alberte Mera]

Festexemos a Galiza que existe e prospera, malia todo. Hai unha Galiza viva, unha sociedade que se reivindica e traballa en común para avanzar. Ciencia, cultura, innovación, industria... Malia as crises económicas, reconversións industriais, recortes no público dos gobernos de Feixoo e Rueda... Existe a Galiza que reclama ter capacidade de decidir e xestionar o noso, como esta semana solicitou a oposición no Parlamento (transferencia das competencias do litoral do Estado á Galiza), malia o voto en contra do PP.

Por que non queren que a Galiza poida decidir? Malia todo, como dicían cinco poetas esta fin de semana no Culturgal, é unha ledicia esta contemporaneidade, sermos contemporáneas deste pobo porque, aínda que o contexto non vén doado, é orgullo ser parte dunha sociedade que quere máis. Inconformismo, espírito crítico, avanzar.

Mágoa de quen pon cancelas ao país, de quen hoxe se aferrará a unha Constitución -que 71% da poboación galega actual non puido votar- co pretexto de negar a realidade nacional da Galiza e negarlle as, aínda que poucas, competencias que no actual réxime lle corresponden. Por iso, unha cousa é a letra, esa letra que reza a nación única española, e outra cousa é a realidade: a existencia, a ambición e a riqueza da Galiza.

Comentarios