Opinión

Cantar a nación

[María Obelleiro]

No día de onte soou, en distintos puntos do país, o Himno Galego interpretado polas corais máis recoñecidas. Foi a maneira en que Vía Galega e Galiza Cultura conmemoraron o 116 aniversario da estrea solemne do Himno no Gran Teatro da Habana. Nun país normalizado, sería a Xunta da Galiza quen debería recoñecer, valorizar e divulgar este fito histórico co que ambas as entidades traen á actualidade a importancia que desenvolve o Himno como símbolo nacional. Un Goberno orgulloso do pobo galego celebraría a efeméride para fortalecer a nosa autoestima e para nos reivindicar como galegas e galegos, mais en lugar diso, o Partido Popular, en Arzúa, mesmo criticou o cartaz dos actos que as organizacións convocantes utilizaron para dalos a coñecer.

Coas actividades de onte, Vía Galega e Galiza Cultura tamén insistiron na necesidade de restituír o Himno e de volver á letra orixinal do poema de Eduardo Pondal, toda vez que ficou demostrado de maneira empírica que o Himno que hoxe entoamos contén erros. O Parlamento da Galiza abriu unha comisión para explorar a vía da corrección despois de que PP e PSOE desbotaran a iniciativa lexislativa popular que instaba á restauración do texto. A inminente convocatoria de eleccións e disolución da Cámara atrasará unha corrección que, finalmente, acabará por chegar.

Comentarios