Opinión

#Sermos236 Actos de vida

Un pobo ten que conmemorar a súa historia se quere ser libre e digno.

Un pobo ten que conmemorar a súa historia se quere ser libre e digno. De aí a importancia de efemérides como o centenario da morte de Pondal, falecido o 8 de marzo de 1917. Non son actos de morte nin de pasado. Son actos de vida e de futuro. Recuperarmos a memoria supón reivindicarmos os elementos que nos definen como galegas e galegos e explicarmos o xeito de sermos un pobo. Non hai presente nin futuros posíbeis en que poidamos vivir sen estarmos apoiadas e apoiados nun pasado que nos sustente. “Somos pasado” dicía Uxío Novoneyra.

A desmemoria ao redor das oprimidas e oprimidos só beneficia os opresores, a desmemoria ao redor dunha nación e dos seus sinais de identidade só beneficia o imperialismo e o global. Recuperarmos Rosalía (o 24F foi o 180 aniversario do seu nacemento), Curros (o 7M foi o 109 aniversario da súa morte), Antón Vilar Ponte (o 4M foi o 81 aniversario da súa morte), o propio Pondal, o Banquete de Conxo (o 6M foi o 161 aniversario)... significa resgatarmos a loita para vencermos a opresión e camiñarmos cara á liberdade e cara ao compromiso co futuro e con nós mesmas e mesmos. Recuperarmos retallos da memoria é semente de futuro, pois, citándomos Walter Benjamin, o pasado das persoas perseguidas e das excluídas debe ser recuperado, porque nada do que aconteceu é un asunto cancelado.

Comentarios