Opinión

A privada manda

[María Obelleiro]

Resulta inconcibíbel o que recolle o informe de fiscalización do Consello de Contas a respecto da sanidade privada. Analizando os documentos dos últimos dez anos, a Xunta da Galiza transferiu ás empresas privadas do sector sanitario 2.500 millóns de euros. Uns fondos que se detraen da sanidade pública, hoxe cun deterioramento que calquera persoa usuaria pode comprobar en primeira persoa. Ademais, o ente fiscalizador volve advertir da falta de transparencia do Goberno galego á hora de adxudicar distintos contratos por conta do Sergas: oito de cada dez euros son outorgados a empresas privadas sen ningún tipo de concurso. Un extremo do que leva tempo advertindo a oposición, no Parlamento galego, con nulo éxito, xa que o PP segue a facer oídos xordos a este tipo de críticas.

Mentres a sanidade pública, nomeadamente a Atención Primaria, con listas de agarda este verán inasumíbeis, se desangra, o Executivo de Alfonso Rueda engorda as contas da patronal. Unha patronal da que é xerente o irmán da actual xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. Mellor nos iría se en lugar de enriquecer as empresas do sector mellorásemos as condicións laborais do persoal sanitario, que se ve na obriga de emigrar se non quere caer na precariedade, con cotas de até 60 pacientes por xornada laboral, con mobilidade xeográfica discrecional e con contratos que duran días, como no caso das enfermeiras. Todo responde, en definitiva, ao modelo ideolóxico de quen nos goberna.

Comentarios