Opinión

A luz virá

[Xoán Costa]

Neste mes de setembro que hoxe remata tiveron lugar varias iniciativas que din respecto aos nosos sinais de identidade. Unha delas foi a modificación do regulamento do Congreso para permitir o uso das linguas que teñan carácter de oficial nalgunha comunidade autónoma. Foi aí cando puidemos comprobar, máis unha vez, a actitude do PP, e especialmente do seu presidente, acudindo a argumentos tan mesquiños como demagóxicos para se opor á modificación.

Quixo o calendario que mentres en Madrid se celebraba a sesión de investidura, co resultado que xa sabemos, en Compostela se celebrase sesión parlamentar para a toma en consideración, tamén co resultado que sabemos, dunha ILP que pretendía restaurar o texto do noso himno, deficiencias técnicas que Pondal detectara antes de morrer e que o profesor Manuel Ferreiro se encargou de sistematizar e aclarar. Insisto, deficiencias, ben documentadas, na transmisión do texto, non dun texto novo.  É como se os restauradores do Pórtico da Gloria non tivesen en conta os informes técnicos para proceder á restauración. Imaxinan?

Por iso resulta tan incomprensíbel a alianza PSdeG-PP. Incapaces de contrastar, e moito menos de contradicer, os informes técnicos, permiten que os nosos símbolos continúen a deturparse. Mais, como xa cantou, en ousados cantos o nobre bardo Gundar: A luz virá para a caduca Ibéria, /

Dos fillos de Breogán!...

Comentarios