Opinión

Frío industrial en Lugo

 

O outro día lin un comentario nas redes sociais dun seareiro do Celta, Álvaro Estévez, co que calquera afeccionado do CD Lugo se pode ver representado este ano. Falaba do ciclo do equipo celeste no actual curso: “1. ves o partido; 2. entristécete fondamente o que ves; 3. decides pasar do fútbol; 4. ves algo positivo a metade de semana; 5. ilusiónaste un pouco xusto antes do partido; 6. volta ó punto 1”. É a mellor definición do ritmo vital de calquera equipo ó que non lle saen as cousas ou que directamente non sabe como facelas.

 

O CD Lugo leva sete anos consecutivos en Segunda, unha categoría velenosa que na que non vale facerse ningún tipo de expectativa. O equipo lugués afrontaba a última xornada co peito medio inchado, na medida do que permite a mala temporada que está a asinar, logo de ter empatado contra o Cádiz no Carranza, un equipo chamado a xogar a promoción de ascenso. O seguinte na lista era o Albacete, outro dos ‘galos’ da categoría este ano. Malia o alto que cotizaba na táboa, viña de facer dous meses de competición irregulares que deixaban aberta a porta á fazaña dos amurallados.

 

No Estadio do Miño luciu unha marabillosa tarde na que volveu haber unha xornada de convivencia da afección local. Mais o fútbol da división de prata non respecta os estados de ánimo dos afeccionados. O Albacete foi unha máquina efectiva que se levou o botín dos tres puntos cun 0-3 que algúns tildaron de excesivo ó ver as estatísticas, nas que o Lugo gañou en ocasións xeradas. Mais precisamente a pólvora é o que define os retos de cada equipo. O ano pasado a escadra manchega loitou até as últimas xornadas por salvarse. Na 2018/2019, logo dunha excelente planificación deportiva, foi quen de esquecer todos os males do pasado recente.

 

O 0-3 resultou unha derrota moi dolorosa. A afección estivo do lado do equipo nos primeiros intres pero caeu no desánimo coa sucesión dos tantos en contra. Dous deles, imparables, obras de arte de Febas e Tejero. Fronte a isto non houbo xeito de reaccionar. Xa foi difícil volver a erguer a cabeza despois da primeira diana visitante, un tanto en propia meta de Gerard Valentín que chegou despois dunha boa parada de Juan Carlos. A esta heroicidade sucedeulle unha acción disparatada de rexeiteamentos en falso na área pequena. Como pegarse un tiro nun pé. As doses de impotencia foron considerables…

 

Non entrou un balón. Manu Barreiro puido cambiar o destino do encontro cun remate que se marchou por riba da meta dun Tomeu Nadal que abortou con calma todas as acometidas albivermellas. Os minutos foron caendo enriba dun campo que acabou estourando contra o palco. A dor dirixiuse cara Tino Saqués, presidente desta SAD unipersoal na que leva dando xiros de temón dende que asumiu a maioría accionarial no 2015. É o único que queda dende unha toma de posesión polémica. É o verdadeiro culpable. Disto habería ríos de tinta por escribir. A Lugo todo chega tarde. Tamén os empresarios que pensan que un club de fútbol se pode xestionar como unha empresa de frío industrial, gremio ó que se dedica o máximo mandatario do club.

 

Non se pode negar que conseguiu vincular a súa actividade fóra do fútbol con este deporte. Porque se hai unha sensación que defina o devir do CD Lugo este curso é a de ‘frío industrial', tal e como o definía Xabi Piñeiro, compañeiro de Lugoslavia, logo do último pao no lombo. O que era un equipo modesto, que destacaba por detalles como pagar a día 1 de mes (algo insólito no fútbol), converteuse nunha entidade despersonalizada, sen arte nin parte nesta industria sociodeportiva. Por Lugo pode ter pasado o fútbol profesional como se nada: o estancamento da masa social ou a incapacidade para construír unha cidade deportiva ou sucedáneo nestes anos sosteñen o argumento.

 

Contra o Albacete o peor foi a baixada de brazos a partir de determinado punto do partido. Os xogadores nin sequera se falaban entre si despois da malleira. Só berros ó ceo de raiba logo de cada ocasión errada, como o que proferiu Toni Martínez despois dun man a man falido. Veu acompañado dunha patada ó pao tan forte... Puido mancarse. Ningún xogador profesional quere que o seu currículo profesional figure un descenso. É un antecedente que ós seus futuribles equipos lles fará sopeitar. E ás hinchadas futuras aínda máis. Por iso neles hai que depositar todo o apoio e as forzas que nos queden. O peor é que da a sensación de que estamos mortos e nin sequera tocamos aínda o descenso. Parece que cando atravesemos esa fronteira (agardemos que nunca), non seremos quen de erguernos xa.

 

E malia todo, a estas alturas da semana, volvemos estar a comezos do ciclo. Esperanzados polo partido contra o Alcorcón. Pregándolle a quen poida interceder que manexe a bola para que remate nas mallas dos rivais. Queremos seguir en Segunda División aínda que a categoría se empeñe en botarnos cun tapón de equipos históricos ós que calquera preferiría antes ca nós. Algún di que a nosa camiseta non pesa, que ben nos podemos ir polo sumidoiro da historia sen molestar. Pois non saben os kilos de lama, suor e bágoas que levamos encima os que non quixemos abandonar ó equipo cando caeu a Terceira. É a hora da verdade, tanto no céspede como nas bancadas, parafraseando a Carlos Pita, o noso guía espiritual, “o que non queira sumar, que se faga a un lado”. Por certo, por segunda vez en sete anos, o CD Lugo non contará nin co coruñés nin con Seoane (por lesión). O seu dobre pivote histórico para que o que nunca se atopou relevo. Parece o fin da historia… Mellor deixalo aquí, que estou volvendo ó punto 2 para quedarme nel.

Comentarios