Opinión

O trumpismo de esquerdas e os non vacinados

“Teño ganas de foder aos non vacinados”, dixo Macron. Díxoo coma se fose un deses aristócratas depravados que ateigan as novelas de Sade, nun ton burlón, rexoubándose da vulnerabilidade da súa próxima vítima, deshumanizándoa para xustificar a agresión. Nas súas palabras o non vacinado non ten nin tan sequera o rango de adversario, senón que se presenta como membro dunha especie de estatus inferior que pode e debe ser degradada a pracer. Poderiamos pensar que este fascismo sádico propio do Saló de Pasolini é característico da política neoliberal que Macron representa, pero temos que recoñecer que non é do todo así. Está a ser máis ben unha parte importante da nova e vella esquerda a que ven situándose desde fai meses na vangarda deste fanático cercamento (inaceptable desde un punto de vista ético, pero tamén desde un punto de vista científico e sanitario) aos non vacinados.

Fai semanas foi o ex-ministro socialista Miguel Sebastián, quen recoñecendo que o certificado covid-19 non tiña ningún sentido en termos epidemiolóxicos, pois a vacina non corta a transmisión, celebraba que “la idea del pasaporte Covid es hacerles la vida imposible a los que no se quieren vacunar”. O pasado vinte de decembro, Ana Pardo de Vera, directora de Público, nunha infame columna afirmaba que “El pasaporte covid para entrar en restaurantes, hoteles, bares o gimnasios es, sin duda, una de las formas de evidenciar y rechazar a estos ignorantes pasto de bulos, pero necesitamos más. ¿Quizás anotarles en la frente el coste de su tratamiento si van al hospital, con uno de esos tatuajes que no se borran en un par de semanas y que les estampen al salir junto con una colleja? No sé, algo... Por mentecatos/as.”

Neste trumpismo de esquerdas o non vacinado é o novo inmigrante ilegal, pois ocupa con respecto ao resto da sociedade o mesmo papel que ten para a extrema dereita o mexicano ilegal ou o mena. É o culpable de todos os problemas derivados dunha xestión contraditoria, ineficaz e criminal. Pero, hai algunha base para a deshumanización á que esta elite de esquerda quere someter aos non vacinados?

The Lancet xa deixou claro que non ten sentido falar dunha “pandemia dos non vacinados”. Pero ademais, se consultamos os datos que proporciona Pardo de Vera vemos que nos grupos de idade 12-29, e incluso 30-59 (grupo, por certo, especialmente amplo e heteroxéneo en canto a afectación e mortalidade), non se aprecia unha diferenza de mortalidade entre vacinados e non vacinados que xustifique as inxurias cara ao gran reservorio de non vacinados, isto é, o grupo de 20-40 anos. A conclusión que ofrecen estes datos coincide coas recomendacións de expertos do máximo prestixio que están a ser difamados como negacionistas, é dicir, a vacinación contra o covid-19 non debera ser masiva senón centrarse na poboación estatisticamente máis vulnerable, ou, como dicía Martin Kulldorff, catedrático de epidemioloxía de Harvard, nun famoso tweet censurado: "vacinar a todo o mundo é tan científicamente erróneo como non vacinar a ninguén".

O “ristomejidismo” desta esquerda trumpista non só degrada sen fundamento aos non vacinados, senón que ao estilo do Gran Inquisidor de Dostoievsky vilipendia -ou, aínda peor, silencia- en nome da ciencia aos científicos que cuestionan a xestión da crise, sen importar que estes sexan premios Nóbel como Montagnier, catedráticos de epidemioloxía de Harvard, Stanford ou Oxford (Great Barrington) ou reputados científicos como McCullough ou os membros do grupo HART. Esta lóxica de cancelación mostra que a esquerda perdeu o seu sentido social e está a repregarse na mesma fe cega no progreso, a tecnoloxía e nunha problemática concepción da ciencia que a viu nacer xunto ao liberalismo tralo reaccionario big-bang ilustrado do s. 18. O significante “esquerda” utilízase así, cada vez con máis frecuencia, para branquexar políticas antisociais impulsadas pola revolución do post-humanismo e a mundialización dixital que van contra a raíz igualitaria que a esquerda debera preservar. Parte deste envelenado proceso é o que Daniel Bernabé chamou “trampa da diversidade” pero o elemento definitorio é a imparable deriva autoritaria do estado liberal que preconizaron nas últimas décadas teóricos como Scheuerman, Bruff ou Oberndorfer.

A crise da covid-19 aconteceu  no medio desta transformación e funcionou máis como catalizador da mesma que como un fenómeno político singular. Non deixa de sorprender, emporiso, o afán da esquerda mediática por acelerar o tránsito a este novo réxime autoritario. Nun tweet recente, Ramón Espinar, por exemplo, advertía de que, por absurdo que sexa, “Si las autoridades nos dicen que nos pongamos las mascarillas en exteriores hay que ponérselas. Ni media tontería”. O tweet, ao entremezclar autoridades médicas -sen poder político lexítimo- con autoridades políticas, naturaliza sen ambaxes un mega-poder executivo que, en nome dos expertos, devora aos outros poderes e converte a excepción gobernamental na norma de goberno como xa predixeron Poulantzas e Jessop. Pero, advertiríanos tamén Espinar de que "ni media tontería" respecto de eventuais ditames de sádica austeridade das autoridades económicas -fosen estas quen fosen- nunha crise económica? Nin a economía nin a mediciña son ciencias exactas. A primeira é unha ciencia social e a segunda unha ciencia aplicada. Se se caracterizan por algo, é por construír un consenso relativo baseado no disenso.

Nunha liña similar vai a defensa do Foro Económico Mundial que fai Manuel Garé en CTXT para atacar a “delirante narrativa anti-progresista” do “conservadurismo mundial”. Segundo Garé, The Gret Reset, autoritaria axenda política proposta por Klaus Schawb, “de lo que habla es de la pandemia como una oportunidad para apostar por una economía más verde y sostenible, más inclusiva y menos dispar, que potencie las relaciones entre países y evite los nacionalismos y las guerras”. É dicir, nin unha palabra sobre a “desigualdade ontolóxica” que o presidente do FEM anuncia para quenes non acepten os ditados do post-humanismo, que ademais de ser marxinalizados, serán “os perdedores en todo posible sentido do termo”.

Esta disforia ideolóxica explosionou na recente comunicación sobre transición enerxética do físico teórico Antonio Turiel no Senado. Mentres que U. Podemos cuestionaba como unha conspiración infantil que houbese no mundo poderosos con grandes intereses, VOX daba a razón a Turiel citando a Chomsky. Evidenciábase así que esquerda e dereita perderon o sentido que tiveron no extinto mundo das tecnoloxías analóxicas, no que estas eran humanamente controladas por uns ou outros con distintos fins políticos. Todo mudou no mundo dixital. Por iso, se no s. 16 houbo unha revolución política en nome da lei natural e no s. 18 en nome da igualdade formal, hoxe debemos reclamar unha revolución republicano-democrática que defenda os intereses humanos ante o tecno-fascismo post-humanista e que asegure as condición materiais para poder vivir en liberdade. Os nacionalismos sen estado cometen un erro mortal se, no canto de defender a soberanía dos seus pobos, se alían activa ou pasivamente coa implantación das axendas deste imperialismo dixital post-humano.

Tomémonos, por iso, a vacinación con racionalidade. Non lexitimemos lóxicas abusivas que naturalicen unha futura distopía republicana na que teñamos que compartir á forza os nosos datos de xeolocalización ou biométricos coa escusa de evitar accidentes, infartos, secuestros ou o discorrer da vida mesma.

Comentarios