Opinión

Unha xenealoxía do poder español

Levantouse certa polémica porque o hispanista Sebastian Faber criticou o historiador José Álvarez Junco. Este reivindicárase como académico libre de paixóns xuvenís e interferencias: a verdade encarnada. Faber lembrou que a dialéctica do tempo tamén afecta aos popes da Transición. Algo tan evidente que sorprende a controversia.

Dentro desa autoproclamada neutralidade encádranse outras interpretacións tendentes a “normalizar” a historia española. Reacción á corrente secular que fixo o contrario. Cunha obra de enfoque multidisciplinar, José Luis Villacañas continúa a xínea do intelectual problematizador. A súa xenealoxía do poder hispano resulta de interese para quen intuímos na natureza do Estado o nó gordiano da ensarillada cuestión social e nacional nestes pagos.

Con vontade case que psicanalítica, Villacañas procura —en Érase una vez España. El mal radical de la españolez (2023)— o trauma seminal do Estado español. Estuda o papel dos xudeus en tanto que consiglieri das diferentes coroas medievais, sobre todo de Castela. A minoría semita, que florecía nos burgos e coñecía os arcanos da contabilidade, sería artífice dos éxitos dos reis, vértices do poder centralizador oposto á dispersión da nobreza. A colaboración xudía e conversa será traizoada de xeito recorrente polos monarcas. A Inquisición e o seu empeño en detectar a “mácula”, constituirá a ferramenta para unha biopolítica da división do corpo social. Así, o español será un Estado incapaz de actuar, ademais de como aparello burocrático, como instancia ética cohesionadora. Papel que si xogou noutros lugares de Europa, sobre todo onde minorías como os protestantes mudaron a súa natureza, propiciando o reparto do poder coas corporacións municipais. Villacañas ve no legado árabe a refracción á sociedade do Estado hispano.

O español será un poder formalista que se reproduce na tensión entre un centro sen arraigo e as periferias democratizantes. A derrota das comunidades de Castela traerá o problema á modernidade e a Guerra de Sucesión profundizarao. Cando a partir do s. XIX se conformen alternativas nacionalitarias á castelá, estas ocuparán o lugar da mácula semita.

Villacañas non está lonxe do que apuntara Karl Marx sobre España. Para este a monarquía absoluta española non fora progresista, encadrando o Estado español nas formas de goberno “asiáticas”. Esta crítica non envelleceu. É útil para ler o presente. Unha veta a explotar desde posicións soberanistas.

Comentarios