Opinión

O tempo mesiánico e nós

Co breve ensaio Alguén virá… (Laiovento, 2023), Pablo García demostra ganas de divulgar as súas investigacións sobre Luís Seoane; algo que xa fixera en Un largo puente de papel (CSIC, 2021). Se aquí García suxería a influencia no pintor da recepción arxentina de Gramsci, en Alguén virá… debulla –analizando a obra teatral A soldadeira– algúns paralelismos entre Seoane e Walter Benjamin, especialmente no que ten que ver co tempo mesiánico, o dispositivo mítico que desafía o determinismo histórico e procura nas derrotas do pasado o compás para as dúbidas do presente.

A lectura que fai García de Seoane é motivo de alegría para quen isto escribe, pois de xeito parecido tentei eu ler a Castelao. As analoxías trazables entre o rianxeiro e Gramsci (no que ten que ver co nacional-popular) e Benjamin (canto á filosofía da historia) son, ao meu ver, froito da época que compartiron estes personaxes. Un período influído polo binomio técnica/destrución, pola filosofía de Bergson, pola recuperación de Hegel, pola alianza obreiro-campesiña bolxevique, polo americanismo, polo pragmatismo, pola anomia… Todo conforma un espírito do tempo que explica as afinidades.

No caso de Seoane, atrévome a suxerir, o rastro benjaminiano non é senón a continuidade no seu pensamento do acervo do galeguismo de preguerra. O que confirma ao intelectual galaico-arxentino –ou aos irmáns Baltar– como o elo perdido entre o galeguismo republicano e o nacionalismo dos 60. Uns elos caracterizados pola concepción da cultura como ferramenta para a acción política fronte ao elitismo libresco galaxiano.

Cara ao final d'A soldadeira esta continuidade aflora. O tempo mítico benjaminiano é, en realidade, a idea de Tradición de Castelao, e esta enchoupa o case-epitafio que o Crego fai da protagonista: "A sorrinte, linguaraz fada Minia, sen tempo, sen apelido, sen orixe sabido. Lembranza e historia do teu pobo, non podes morrer. Ti eres historia que xunta. Eres máis que a historia. Eres fada, lenda, eternidade do teu pobo". Os ecos do Alba de Gloria de Castelao son evidentes: "Era lume do esprito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortaes porque non pertence á Hestoria senon á Tradición, en arume de Lenda. Bóveda terá de ser n-un mañán próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención". 

A soldadeira Minia e Alexandre Bóveda, transcendendo a temporalidade histórica, son os vagalumes pasolinianos, a chama tenue que algún día ha de vir.

Comentarios