Opinión

Primeiro como farsa. Segundo, tamén

O presente lembra os tempos da Transición: unha farsa máis ca unha traxedia. 

A disfuncionalidade do R78 é a disfuncionalidade do PSOE. Só este partido pode articular o réxime en clave de hexemonía, non de dominación. Por iso os da rosa se encargaron da Reconversión, dos GAL, da desregulación laboral e do 135. Reforzar o PSOE é condición necesaria para estabilizar a II Restauración borbónica filipina.

O PP alimenta o medo á ultradereita en València e fai "Constitucionalismo" en Gasteiz e Barcelona deixando gobernar Sagasta. O PSOE corresponde en Iruña. Na Coruña e Compostela obstaculiza a visualización da alternativa ao PPdeG, non sexa o carallo que Rueda perda as autonómicas. A alerta antifa venlle ben ao réxime: concentra o voto progresista e disciplina o mundo post-15M. A produción de indepes en cantidades industriais (Otegi dixit) é un dano colateral. Entrementres, Zarzalejos invoca o espírito do apparatchik Rubalcaba, corpo a terra.

Sumar é a farsa da farsa carrillista. Euroecoloxismo poscomunista. Daquela había que entrar polo aro para evitar a continuidade do franquismo. Agora, para frear a Vox. Pero Vox é un produto do deep state, non un fenómeno saído das marxes (como os ultras do resto de Europa). Nin o PCE rojigualdo evitou a continuidade do franquismo nin este, na escisión voxista, é neo, senón paleo. 

O esquematismo analítico da esquerda estatal sería inane se non fose malicioso. Por iso as únicas burguesías que identifica son a catalá e a vasca. O capitalismo, fóra de aí, consiste na abstracción dos fluxos globais ou na hiperconcreción individual: Florentino Pérez. Afastar moito o lente ou achegalo de máis, dous xeitos de desenfocar para evitar mentar a bicha: o Estado. De aí que saquen peito ao poñer fóra da Alcaldía de Barcelona á burguesía sen Estado para maior goce da burguesía con Estado. 

Este PCE, que en tempos abxurou do leninismo, e os seus satélites, lembra máis os partidos da II Internacional que os da III. Por iso naturaliza o Estado e fai crer que a cousa vai de corporativismo sindical vs. capital, de economicismo vs. política. A dialéctica, porén, vai de peche vs. apertura, españolismo vs. plurinacionalidade, involución vs. democratización, estabilidade vs. posibilidade. O día despois do 23-X reprocharanse isto os uns aos outros, para aburrimento de todos.

Comentarios