Opinión

A operación Yolanda Díaz

O réxime do 78 quere pechar como sexa a vía de auga producida a raíz da crise financeira de 2008, que na UE foi a crise do euro de 2010, con Grecia como animal sacrificial para demostrar quen manda na unión aduaneira bismarkiana que en realidade é esa superestrutura.

A desorde mundial que afecta ás superpotencias ascendentes e declinantes (velaí os realiñamentos xurdidos a raíz da crise ucraína) ten tamén o seu correlato no fráxil Estado español posfranquista: o sistema de partidos que pastoreaba a consensual política institucional española sufriu un gran desaxuste.

O tempo de Pablo Iglesias fronte a Podemos foi errático: un día abrazaba as ideas de Anguita, outras era o máis institucional de todos. Pero comentarios como os da cal viva en sede parlamentar molestaron e, tras unha gran presión á súa familia, o da complutense deixou o posto á amiga da infancia. Como tertuliano, Iglesias segue nadando a dúas augas: un día plurinacional, outro 'yolandista'. Mais todo indica que ambas cousas serán incompatibles.

E naceu unha estrela. Incólume. A terra queimada deixada por Díaz na política galega recente non sucitou o maior interese na prensa da Corte (velaí os anteollos abafados cos que se ve este país desde a meseta). Uns medios especialmente desexosos de volver situar como referente a vella garda 'carrillista', hoxe representada por CCOO.

A metodoloxía seguida na non-derrogación da Reforma Laboral é un exemplo palmario do que os intelectuais do 15M chamaban Cultura da Transición: o marco tecnocrático e elitista que abobina da irrupción do pobo na política. Moitos deses intelectuais hoxe baten palmas coas orellas ante o virtuosismo pactista 'yolandesco'. Sic transit gloria mundi.

A crise económica interminable, Cataluña e a monarquía son tres grandes impedimentos para a "normalización" desexada polo Réxime do 78. De Cataluña pódese sospeitar que a estratexia dialogante de ERC non acaba de dar resultado. No que toca á crise económica, a Reforma Laboral foi outra peaxe para sermos rescatados pola unión aduaneira (pois outra cousa non son os fondos Next Generation). O cinismo da esquerda estatal, en tempos identificada con Syriza, mídese no cómoda que goberna coa supervisión dos homes de negro.

Canto á monarquía, Yolanda expúxoo con gran claridade na TV: non está en cuestión neste momento e Felipe VI pode estar tranquilo: na mascarada preparada para devolver a Juan Carlos I á península ninguén da esquerda española vai facer moito sangue.

Comentarios