Opinión

O temiña

Falouse dabondo, pero non me resisto a facer un par de reflexións optimistas, isto é, provisionais, sobre o tema Tanxugueiras.

1. O cóctel de lingua e tradición vencellada ao mundo agrario constitúe unha fonte de afectos inesgotable. O PPdG sábeo, por iso nunca se afasta moito do imaxinario galeguizado. A novidade da estética e ética de Tanxugueiras, a respecto dos motivos empregados polo PPdG, descansa na mocidade, na innovación e na imaxe de empoderamento que proxectan. Estas outras características engaden unha identificación non só privado-emocional, senón tamén reflexivo-política (no sentido de asunto da polis, público). O cal é máis dificilmente cooptable. Conectan tanto a través do recordo da civilización agraria, canto a través da proxección do país no futuro como apto para a vida contemporánea sen necesidade de pagar a peaxe de relegar a súa lingua e cultura ao ámbito do privado-familiar (entendido este tamén como Galiza cando se trata de estar no mundo). 

2. Tanxugueiras son unha expresión do nacional-popular; isto é, da elevación de elementos do cultural-plebeio ao marco totalizador do nacional. O nacional-popular galego segue a estar condicionado pola cultura e lingua propias. Pero a boa recepción xeral que tiveron alén  do Padornelo indica que alí o nacional-popular emerxeu, tamén, dun xeito máis contudente ao tomar a forma do nacional concreto (galego, castelán, catalán, etc.). Nin o administrativo abstracto (Chanel), nin o globish flotante (Bandini) lles fixeron fronte. A autenticidade que destila a forma concreta do nacional-popular foi valorada polos pobos do Estado dun xeito máis contundente que os formalismos desenraizados.

Este comportamento non debera estrañar. Pensemos en 1808. A actuación dos pobos cando o aparato estatal esboroou, afincaba as súas raíces nos territorios e nacións. A indignación xeral co comportamento do xurado trae á mente o modelo: o xurado, en certo xeito, representaba o papel do Estado afastado da xente. A pulsión a saltar por riba dun Estado sempre vivido como corrector da vontade popular ten ascendente nunhas clases populares que, como di Poch de Feliu, non souberon nunca o que era gañar. Non é van que o movemento obreiro máis potente da historia fose o anarquista. Tampouco que no s. XIX crecesen ideas de nación alternativas á estatal. O soberanismo galego non ten nada contra os pobos peninsulares, ao contrario. O noso problema é o mesmo que o seu: o Estado.

Comentarios