Opinión

Maxia

Rueda, que ao fin e ao cabo é responsable de que as eleccións caian no Entroido, apareceu disfrazado de mago en Verín. Non de Houdini, aínda que o do escapismo acáelle (dado que rexeitou unha entrevista con Julia Otero e non se lle ven ganas de coller a luva da Ser para celebrar un cara a cara con Ana Pontón) senón de Gandalf. Si, 'O Gris'. O asesor do candidato ese día non se levantou inspirado.

O mago Rueda leva anunciadas estes días máis medidas que en toda a lexislatura. Esta carreira tola polo mercadeo de votos, especialmente centrada na emigración, é o último cartucho que lle queda a un proxecto esgotado. Iso, e a maxia negra que de aquí ao 18-F poidan facer os medios untados. E é que, se o 18-F hai cambio, non menos derrotados que o PP, que Rueda e que Feijóo, serano os grandes medios privados. Eses que pensan que Galiza é unha finca poboada por idiotas.

Comentarios