Opinión

Os indíxenas da República

"A os repúblicos hespañoes é preciso convencelos de que, n-unha República unitária, o lema Liberté, Fraternité, Egalité apenas sirve máis que para ser colocado na porta d-un cimeterio". Esta é unha entre outras frases na que Castelao mostra a pobre opinión que tiña do republicanismo francés –forma de entender o republicanismo cara, aínda hoxe, aos republicanos españois–. O formalismo moldeado pola codificación termidoriana non convencía a un Castelao que, sabéndoo ou non, pensaba igual que o Hegel que intuía que a Constitución de Baiona non funcionaría en España: o código de Napoleón era máis progresista que as leis que rexían ao sur dos Pireneos, pero tratábase dun texto estraño, imperialista, non orgánico aos pobos destinatarios. A carta de Baiona só podía valer, como dicía Castelao, para ser colocada na porta do cemiterio: o campo de cadáveres debuxado por Goya nos Desastres da guerra

Intelectuais actuais da Francia de pel escura –a Francia que leva varios días saqueando comercios e incendiando todo o que represente o Estado–  fan a súa propia crítica á ideoloxía do republicanismo francés en claves non moi diferentes das que facía Castelao. Así, Houria Bouteldja, no seu Os brancos, os xudeus e nós. Cara a unha política do amor revolucionario (Akal, 2017), fala dos árabes, bereberes, negros e crioulos de Francia como os "indíxenas da República". E alcuma o pacto republicano coma "nacional-racial".

A parcialidade inherente a toda pretendida neutralidade da demarcación legal exponse en cru alí onde existe subalternidade. A lei preténdese cega, pero sempre olla desde un lugar concreto. Antoni Domènech falaba da fictio iuris inherente ao proxecto estatista burgués: a ficción de postular que, quen nada ten, é propietario da súa forza de traballo. Esa ilusión, que pretendía integrar o subalterno no modo de produción espíndoo de toda idiosincrasia allea ao propietarismo, desbotaba o "superestrutural"; isto é, todo o que actuaba coma substancialidade para os de abaixo: o seu ethos enchoupado de diferenza cultural, relixiosa, lingüística, etc. 

Esta Francia aínda desarticulada arde en forma de motín, máis que de revolución. Os excluídos pola república estoupan. Castelao, fillo dun país subalterno pero ao fin e ao cabo europeo, demostra que é posible o diálogo entre a tradición republicana e o pensamento anticolonial. Só unha cousa é imprescindible: poñer lume á fictio iuris

Comentarios