Opinión

Unha gran desorde baixo o ceo

O Réxime do 78 (é dicir, o sistema de poder e acumulación posfranquista que pivota na monarquía e o statu quo nacional) baséase, hoxe en día, nun cuartripartidismo imperfecto con tendencia non colmada a regresar ao bipartidismo. O voto útil cara cada un deses dous bloques condicionou a campaña. 

O resultado de Pedro Sánchez é espectacular. Sumar salva os mobles, pero non hai efecto Yolanda Díaz. Que a esquerda estea exultante polos resultados do PSOE sitúanos nun tempo anterior ao 15-M. ZP reloaded. Neste sentido, a extrema dereita, hoxe tocada electoralmente, xa cumpriu o seu papel. Algo a celebrar: a deslexitimación da caverna mediática madrileña.

En España hai moito franquismo sociolóxico, pero Cataluña non é España. Aquí, e no País Vasco, a cidadanía tiña dúas opcións: contribuír a frear as dereitas no Estado ou preparárense para un choque total. Gañou a primeira, as periferias salvaron España de si mesma, mais a segunda comeza a ter adeptos no abstencionismo catalán. Faga o que faga Puigdemont a inestabilidade continuará.

En Galiza, o PPdeG obtén moi bo resultado. Feijóo conseguiu facer nas xerais o que facía nas autonómicas: atraer o voto bipartidista oscilante. Por iso o PSdeG segue a ser o principal problema para a alternancia. Malia ese músculo do PP, o coitus interruptus de Feijóo bota un pouco de auga fría ao entusiasmo de Rueda. 

Sumar demostrou que o antigo espazo mareil segue vivo, polo menos cando a política se desenvolve na hidroponia madrileña. Cabe tomar nota dunha cuestión: o soberanismo galego non ten forza para socializar un discurso illacionista a respecto da política estatal. Hai partes importantes da esquerda galega que demandan propostas e acción para a gobernabilidade do Estado. Dito isto, o  nacionalismo galego, en termos de longue durée, é hoxe máis forte que no pasado, cando as borrascas do voto útil o deixaban esfolado. Hai un núcleo de votantes non pequeno que vota en clave nacional, vente, chova, ou trone. Facer unha síntese de ambos os dous tipos de votante sería útil.

A suma das esquerdas superou o PP-Vox en Galiza. Aferrémonos a ese dato para proxectar as galegas. Pero con algunhas cousas en mente: o PPdeG segue a ser unha maquinaria impoñente; o PSdeG é disfuncional para atraer o voto moderado; Sumar vaise presentar, complicando as posibilidades da alternativa e a base do BNG ten que incorporar o feito de que a Galiza real é máis complexa do que calquera movemento con vontade contrahexemónica desexaría.

Comentarios