Opinión

Gramsci approves

Causou sensación nas redes sociais a estrea do vídeo do novo himno do Celta creado por C. Tangana. Cando se anunciou que esta sería a persoa encargada do proxecto houbo recelo nalgúns sectores. Que habería pasar con algo de tanto relevo simbólico para o país se quen estaba á fronte profesaba unha ética e estética enchoupada de casticismo español e chulapismo madrileño? A estrea relaxou o ambiente. C. Tangana demostrou que, como dicía o anuncio, “non é tonto”. Anotou o sucedido en Eurovisión e marcouse un Tanxugueiras. Éxito asegurado.

O músico tirou do repositorio de referencias que, con orixe no folclore e o universo material agrario-mariñeiro, foron intelectualizadas e “elevadas”, no sentido gramsciano, polo galeguismo cultural e polo galeguismo político. É dicir, tirou do conxunto de tropos creados por aqueles que se dedican a pensar Galiza os 365 días do ano. Hexemonía cultural, chámase.

Pequena digresión: C. Tangana tróuxome á mente o experimento político de AGE. En que sentido? Parte das forzas que integraban a coalición definíanse como “o alternativo” á esquerda nacionalista; mais cando tiveron que facer política galega, o contido dos mitins estaba inzado de tropos propios da tradición nacionalista: sectores produtivos, autodeterminación, defender Galiza fronte Madrid etc. Que evidenciou a experiencia AGE? Que a esquerda non-nacionalista non ten unha idea propia de Galiza.

Sigamos co destilado político do vídeo do Celta. Do conxunto de motivos empregado hai unha parte asumida polo fraguismo e polo nacionalismo (a Galiza telúrica, o aquelarre-pandereteiro, os mortos entre os vivos…) e algunha outra (as escenas dos “celtarras” revolucionados e con estreleiras) só polo nacionalismo. É dicir, o vídeo destila algo das dúas Galizas cunha existencia político-intelectual propia: a nación cultural do PPdG fraguiano (o PP actual está mutando noutra cousa) e a nación política do BNG.

Fica fóra do vídeo a non-Galiza do PSOE (Gz non existe no esquema “municipio-deputación-España”). A cidade-estado de Caballero/Vázquez non aparece en todo o vídeo. Vigo-centro non aparece. A polis autárquica caballerista insinúase a través da metonimia da ponte de Rande e dun negativo fotográfico: a paisaxe espectacular dos municipios da ría (é dicir, a Galiza que, sen deixar de selo, é parte da gran cidade olívica). Esta é, tamén, a vinganza de quen pagou a festa: Carlos Mouriño.

Comentarios